sábado, 8 de octubre de 2011

Rodrigo Romaní

Director da ETRAD
Mestre
Responsable do Departamento de Relacións Exteriores
Materias: Práctica Orquestral.
Os comezos da vida musical se remiten á década dos 70 do pasado século. En Lugo, facendo o bacharelato, pon música a poemas de Fiz Vergara Vilariño e actúa en solitario en diversos locais e festivais da cidade e integra diversas bandas locais como "Roi Xordo" ou "Sendas  do Folc".Pasa a formar parte do "Movemento Popular da Canción Galega" e, en 1975, paritcipa no festival programado no Pabellón do Sar en Santiago no que se consagra dito movemento.
Estuda Psicoloxía en Santiago e ali coñece a Antón Seoane, Emilio Cao e Agustín Maroñas, cos que comeza a actuar profesionalmente.Autodidacta de varios instrumentos de corda e vento participa activamente e proxectos con Antón Seoane que cristalizarán nun duo ao que se sumaría posteriormente Xosé V. Ferreirós e que grava en 1978 o LP denominado "Milladoiro", que tería o Premio da Crítica do mesmo ano. Xunto co cuarteto de Ferreirós, Faíscas do Xiabre, e a integración de X. A. Méndez e Laura Quintillán en 1979, forma o grupo Milladoiro.
Ata o ano 2000, xunto con Milladoiro grava 14 discos, exercendo de arranxista, compositor e comunicador, asi como interprete principalmente de harpa céltica, bouzuqui, guitarra acústica, ocarina e voz.. Actúa en multitude de concertos en catro continentes e obtén os seguintes galardóns como o Pedrón de Ouro ou Galego Egrexio.
Estuda arpa clásica en Madrid con Susana Cermeño e colabora en directo e en gravacións con artistas como Alan Stivell, Chieftains, Bill Whelan, Liam O'Flynn ou Paul Winter. É solista de arpa céltica con orquestras como a Orquestra de Cámara Reina Sofía, a English Chamber Orquestra, a Radio Televisión Eireann ou a Orquestra Sinfónica de Galicia. Obtén o Goya con Milladoiro á mellor Banda Sonora pola película "La Mitad del Cielo"
En solitario grava tres álbums "Albeida" (2001) , "Cantos Caucanos" (2003) e "As Arpas de Breogán" (2012) (Premios Opinión ao mellor disco do ano e  mellor artista), e produce os primeiros discos de músicos como Susana Seivane ou Treixadura. Funda o Conservatorio de Música Tradicional na Universidade Popular de Vigo en 1996. Dirixe o proxecto de investigación "Libro Branco do Ensino na Música Tradicional. Galicia 2006" e presidiu a Fundación Sondeseu desde a súa fundación ata o 2008.
En 2001 auspicia a creación da Orquestra Folk de Galicia Sondeseu que dirixe dende o seu comezo.  É productor dos seus discos "Mar de Vigo", "Trastempo",  "Barlovento" e "Danzas Brancas". Tamén arranxa para a orquestra e se responsabiliza da sección de harpas.
Actualmente é director da ETRAD e integra o trio Lizgairo xunto con Anxo Pintos e Xosé Liz.

Xaquín Xesteira

Xefe de estudos
Mestre
Materias: Gaita, Conxunto Instrumental, Práctica Orquestral,  Gaitas Tradicionais do Mundo, Aula Aberta de Gaita.

Entroncado dende neno na música tradicional, tivo como principal mestre ao gaiteiro Nando Casal. Cursou estudios de gaita no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Participou como gaiteiro e percusionista en varios concertos do grupo MILLADOIRO, e na gravación dos discos "Os Tempos Son Chegados", do grupo NA LÚA, "Sempre e Máis Despois" de FUXAN OS VENTOS, “Albeida” e “Cantos Caucanos” de RODRIGO ROMANÍ, “O Aghinaldo” de MALVELA, “Meniños Cantores” producido por PAI, e “O quiquiriquí” da Asociación de Gaiteiros Galegos.
Foi produtor artístico dos dous traballos da AGRUPACIÓN ABERTAL de A Rúa de Valdeorras (Ourense). Presidente da Fundación Sondeseu e director das Seccións de Gaita e Percusión da Orquestra Folk SondeSeu. Autor do libro- cd MÉTODO DE GAITA GALEGA I e MÉTODO DE GAITA GALEGA II publicados no ano 2007 por Edicións do Cumio. Foi mestre de gaita e percusión no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo e na actualidade é mestre de gaita na ETRAD (Escola de Música Folk e Tradicional do Concello de Vigo) e compoñente do Grupo de Gaitas OS FAÍSCAS DE SOLOBEIRA e TREIXADURA

Anxo Pintos

Mestre
Community manager
Materias: Zanfona, Conxunto Instrumental, Práctica Orquestral, Sonorización e Gravación, Harmonización e Arranxos. Aula Aberta de Zanfona.

Foto: Xoán Piñón

Músico multiistrumentista e compositor. Comezou os seus estudos musicais aos 8 anos, dacabalo do Conservatorio Superior de Música de Vigo, do seu pai Suso Pereira e do Obradorio de Instrumentos Musicais Populares Galegos que dirixía Antón Corral, chegando a incluir na nómina dos instrumentos que toca a gaita, zanfona, violín, saxo soprano e frauta de bico. 

Cofundador do grupo de gaitas "Alfolíes", do Grupo Didáctico de Instrumentos Musicais Populares Galegos, da Banda de Gaitas "Xarabal", do grupo "Matto Congrio", co que gravou o seu único traballo en 1991. Fundador de "Berrogüetto" en 1995 con quen gravou 5 discos: "Navicularia"(1996), "Viaxe por Urticaria" (1998), "HEPTA" (2001), "10.0" (2006) e "Kosmogonías"(2010). Fundou o trío "Lizgairo" xunto  a Rodrigo Romaní e Xosé Liz, gravando "Diacronías" en 2009. 

Recibiu numerosos premios entre os que destacan o premio da crítica de Alemaña ao mellor álbum folk 1996 e 2001. Premio ao mellor grupo folk europeo (1997).  Unha nominación aos Grammy Latinos (2002). Premio Opinión ao mellor disco galego do ano con Berrogüetto (2002), Lizgairo (2009) e SondeSeu (2011). Premio da Academia á mellor canción en galego no ano 2011 con Berrogüetto. Premio da Música “Martín Códax” a mellor grupo folk 2013. Premio da Crítica de Galicia de música 2014. Premio Mestre Mateo 2014 á mellor banda sonora. Premio Andaina Senlleira de “La Opinión” 2015.
Compositor de numerosas pezas instrumentais, algunhas delas forman parte do repertorio de  bandas tanto nacionais coma internacionais. Ten colaborado con músicos e grupos entre os que cabe citar a: Milladoiro, The Chieftains, Los Piratas, Rodrigo Romaní, Susana Seivane, Mercedes Peón, Uxía, Chouteira, Pilocha, Antón Seoane, Alfolíes ou Sandeep Das. Productor artístico de Riobó e Rústica (Cristina Pato, Davide Salvado, Roberto Comesaña e Anxo Pintos)


Foi precursor á hora de elaborar e sistematizar unha técnica que permitira abranguer a aprendizaxe e interpretación na zanfona do repertorio tradicional galego. Froito deste traballo, é posible apreciar hoxendía a influencia da súa laboura á hora de entender este instrumento en Galicia. Foi mestre de zanfona durante once anos no Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios Municipal de Vigo. Na actualidade é patrono da Fundación SondeSeu, e compatibiliza  o seu labor de mestre de zanfona da ETRAD (Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo), co de coordinador da sección de zanfonas da Orquestra Folk de Galicia "SondeSeu".

Francisco Feijoo Álvarez (Chisco)

Mestre.
Materias: Canto Popular, Ritmos e Xéneros do Canto Tradicional, Polifonía, Tradición e Ciclo Anual, Danza, Conxunto Instrumental, Práctica Orquestral, Aula Aberta de Cantares de Troula.
Comeza estudos de música e baile tradicional en Vigo e formaliza estes estudos no Conservatorio Superior de Música. De seguida, despois de formar parte como instrumentista do grupo “LEMBRANZAS GALEGAS” dirixido polo mestre D. Emilio Sotelino, funda a Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro” onde desenvolve laborías de recuperación etnográfica e traballo de campo así como de dirección artística dos grupos titulares durante un período de quince anos. Participa como gaiteiro en grupos como “ARDENTÍA”,  “TRISQUEL” (liderado por Carlos Corra e Nancy Mouriño)l e  “AJRÚ” (liderado pola cantante Mercedes Peón), grupos cos que efectúa diversas gravacións. A finais da década dos  noventa, entra a formar parte do equipo docente do Departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo, hoxe en día reconvertido na Escola Municipal de Música Tradicional e Folk do Concello de Vigo, a  ETRADParalelamente, desenvolve a faceta de presentador no programa da TVG “Luar” no apartado de Recuperación das músicas e Bailes Tradicionais de Galicia.
Durante anos, colabora como cantante tradicional en gravacións de grupos como “QUEMPALLOU”,  “LIZGAIRO”, “PEPE BAAMONDE” e “SONDESEU”.
            Nestes últimos tempos, foi  vocalista do gaiteiro XOSÉ MANUEL BUDIÑO, co quen leva percorrido xa varios continentes e co que ten gravado no seu traballo discográfico de nome “Volta”. Ademais do traballo docente na ETRAD e no de codirector en “O Fiadeiro” é  coordinador da sección de canto e colaborador como cantante e bailador da Orquestra Folk de Galicia  “SonDeSeu” , 

Alfonso Franco

Mestre
Responsable da mediateca
Materias: Violín Folk, Conxunto Instrumental, Práctica Orquestral, Historia Xeral da Música, Negocio Musical, Aula Aberta de Corda Frotada.

Foto: Anxo Pintos
Realizou os seus estudos musicais no Conservatorio de Santiago de Compostela. Os seus mestres foron Armando Toledo, Raquel Castro e Finlay Smith entre outros. Máis tarde, especializouse en violín tradicional, participando en numerosos cursos con Alasdair Fraser, Darol Anger,  Bruce Molski, Mark Wood...
Formou parte da Xoven Orquestra de Galicia e actualmente colabora co cuarteto Ancestral, especializado en interpretar en directo as bandas sonoras das películas de cine mudo. Asemade producíu un grande número de espectáculos e concertos didácticos relacionados cos instrumentos de corda. As súas colaboracións en gravacións discográficas son do máis variado, abranguendo estilos tan dispares coma Emilio Cao, Siniestro Total, ou o grupo de Blues "Reyes del K.O.", con quen recentemente colaborou na súa xira por México D.F.
Hai xa máis dunha década, formou coa harpista Paula Oanes un dúo de Arpa Céltica e Violín con quen desenvolve unha permanente actividade, tendo tocado en Portugal, Reino Unido, Polonia e a meirande parte das capitais de provincia españolas. Bulla Timpánica, xunto co violinista Alfonso Merino é o seu derradeiro proxecto musical.
É mestre de violín Folk desde o ano 1999, e impartíu workshops de violín galego en Francia, Canadá, Escocia, Cataluña, etc.
Nos últimos anos asistíu aos congresos de fiddle de Detroit, St. Johns e Aberdeen presentando diferentes relatorios sobre o violín tradicional galego, sendo incluído un destes: "The Galician fiddle style" no libro Crosing over, publicado polo NAFCO en 2010.
É director da Asociación Galicia Fiddle e director do San Simón Fiddle, un encontro pedagóxico dirixido a músicos infantiles e xuveniles no eido da corda frotada que chega no 2015 á súa 4ª edicición.

Xosé Liz de Cea

Mestre
Responsable do Departamento de Comunicación
Materias: Requinta, Corda Pulsada, Práctica Orquestral, Conxunto Instrumental, Aula Aberta de Corda Pulsada e Requinta, Banda de Gaitas.

Foto: Cristina Brea Lodeiro


 Un dos músicos máis completos e activos do panorama musical galego, formado en agrupacións como “Xarabal”, “Opentunning” ,”Blanco”... Coordina a sección de Requinta da Orquestra Folk de Galicia "SondeSeu". É o mestre de Requinta e Corda Pulsada na e-Trad Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo , Laboura que comparte coa actividade escénica nas bandas de: “Ardentía”, “Beladona”, “Entre Trastes”, “Lizgairo” “Anxo Lorenzo”, "SondeSeu" e "Riobó"

Chuco Estévez

Mestre
Materias: Percusión, Conxunto Instrumental, Ritmos e Xéneros, Percusións Europeas, Aula Aberta de Percusión.

Foto: Anxo Pintos
Iniciou a carreira de percusión tradicional da man de D. Enrique Otero Covelo (mestre de gaita no Conservatorio Superior de Vigo) como integrante na formación “Amieiros do Lagares” (Vilar – Lavadores) anos 80. Participa tamén na Banda de Gaitas Raigames (1981) dirixida polo mesmo mestre, facendo esta de lugar de encontro con outros músicos cos que mais tarde cofunda o “Colectivo Paseniño”(1982) realizando o primeiro rexistro sonoro en colaboración co contacontos “O Xestal” (Dial Discos, S.A.1988). É colaborador do gaiteiro “Ricardo Portela” ó que acompaña en diversas actuaciós e tamén na gravación do disco “Alborada en Cotovade” (Edigal. 1990) derradeiro traballo do mestre. Forma parte dende o 1997 do grupo “Chouteira” co que grava o CD “Ghuaue” (1998) e “Folla de lata”(2001)Realizou a través da súa carreira diferentes colaboracións  ocasionais con grupos como Noitarega , Muxicas, Mattocongrio,...O seu último proxecto chámase “Tinta Femia”, agrupación formada por algúns dos ex-compoñentes de Chouteira.
Foi mestre do Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín no que ademáis de impartir clases ten realizado diversos cursos de distintos estilos de  percusión da man de mestres coma Eliseo Parra (percusións tradicionais da Península Ibérica), Dominic Molard (Tabla India), Marcos Teira (Palos flamencos), Xurxo A. Toncoso (Percusión brasileira), Pedro Estevan (percusión manual e Música antigua.
Na actualidade imparte clases de percusión tradicional na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo e-Trad e na Escola Livre da MPG a-Central, en Santiago de Compostela

Carlos Quintá Cagide

Mestre
Materias: Acordeón diatónico, Conxunto Instrumental, Aula Aberta de Acordeón Diatónico.

Foto: Anxo Pintos
Nado en Compostela hai 31 anos, regresa espantado da cidade o mesmo día cara ó lugar de Rielo, concello de Lalín. Escomeza rápido a sentir a música pola percusión das cantigas nas mesas de mármol, polas bandas de música, polas corais e orfeóns. Estuda sete anos de  violín no conservatorio de grao medio de Lalín, mais é ó marchar  para Lugo face-lo maxisterio, cando se topa co xenio gaiteiro da Mariña Luguesa, Caxoto: florece o vínculo coas músicas populares e arrancan as clases de diatónico co mestre Pedro Pascual no CMTF de Lalín co que estudiou sete anos. Ademáis asiste a cursos cos acordeonistas Janick Martin, Ciril Brotto, Cati Plana e Antonio Rivas, entre outros. É membro fundador do grupo Grodan Defló co que gaña a 3ª edición do concurso de Radio Obradoiro, e graba o disco homónimo. En 2003 comezan os paseos co diato polos palcos da mau do Linho do Cuco,  grabando os discos “Linho do cuco” e “Linho do cuco 3”, e cos que segue tocando a día de hoxe.  Forma co sanfonista Óscar Fernández un dúo preparado para as músicas de baile, e co oboísta Benxamín Otero unha non-agrupación de música non-experimental. Traballa ademáis coa compañía de monicreques Viravolta como músico en directo e compositor nas obras “O galo Quirico” e “Cando chove e raia o sol”; e co poeta Rodo Tarzán en diversas performances e publicacións non-poéticas.

Begoña Riobó Agulla

Mestra
Materias: Arpa Céltica, Etnomusicoloxía, Conxunto Instrumental, Aula aberta de Arpa Céltica.

Foto: Anxo Pintos


Estudiou violín clásico con Natalia Soltan e Armando Toledo, Violín Folk con Alfonso Franco e Jacquie Molard, Arpa Céltica con Rodrigo Romaní e zanfona con Anxo Pintos.
Licenciada en Historia da Arte, especializada nos itinerarios de música e arte contemporánea. É a violinista por excelencia do panorama folk gallego. No eido da música, comeza a súa andaina profesional no ano 2000. 
Formou parte da banda de “Carlos Núñez” durante sete anos, experiencia que a levou a gravar 4 traballos discográficos: “Almas de Fisterra” (Sony 2003), “Carlos Nuñez e Amigos (Sony 2004), (Premio da Musica ó mellor disco de música tradicional 2005). “Cinema do mar “ (Sony 2005), e “Nuit Celtique II” DVD en directo no Stade de France (2003); a pisar teatros e festivais ao longo e ancho dos cinco continentes e a tocar coas primeiras figuras do panorama folk, entre os que cabe citar a Noa, The Chieftains, Dan Ar Braz, Sharon Shanon, Solas, etc. 
Foi membro fundador do grupo “Irtio” obtendo o 1º premio no Concurso de Música Folk "Xacobeo´99" e con quen gravou o seu 1º CD "Mar de Pedra" (Discmedi 2002).

  Durante os cursos 2007-08 e 2008-09, impartiu asignaturas vencelladas ao departamento de Historia da Música do Conservatorio Superior de Música de Vigo. 

Forma parte da sección de violíns da Orquesta Folk de Galicia "SondeSeu" con quen gravou "Mar de Vigo", "Trastempo", "Barlovento" e "Danzas Brancas". Foi colaboradora habitual nos directos do trío “Lizgairo” e dos gaiteiros: “Anxo Lorenzo”, “Susana Seivane” e "Xosé Manuel Budiño".
Lidera a súa propia formación: "Riobó", coa que ten editada dous traballos discográficos: "Riobó" (Zouma 2011)  e "Quiral" no 2015.
Imparte cursos volcados no ensino do violín no eido da música tradicional como o curso do Festcat en Girona (2011) , e o "Crisol de Cuerda" nas súas edicións dos anos 2011, 2012 e 2013 e 2014 o único Fiddle Camp que Alasdair Fraser e Natalie Hass organizan en España. 
É mestra de Arpa Céltica, Conxunto Instrumental e Etnomusicoloxía na Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de Vigo ETRAD

Xela Conde Fernández

Mestra
Materias: Ritmos e xéneros do canto tradicional, Polifonía, Tradición e ciclo anual, Danza I, Coro.
Diplomada en maxisterio, formada en Musicoterapia e experta en Formación de Formadores, compaxina a súa vida entre a docencia, a música e a práctica musicoterapéutica.
Comeza a súa andaina no mundo da cultura galega de moi nova no eido da danza tradicional, pasando por varias agrupacións ata quedarse na ACF O Fiadeiro, onde tamén formou parte do grupo de pandereteiras e co que participou en festivais, galas, viaxes e a gravación do disco “O Fiadeiro”. Segue a participar nesta asociación, agora como profesora de canto popular e monitora do “Taller de participación musical: polifonía” da escola.
Estudiou música e frauta barroca da man de Pilar Fraga, Ramón Viceiro e Ernesto Schmied. Como flautista experimentou coa música folk co grupo Ávalon do que foi membro fundador. Con elas grava dous discos (“Lúa Meiga” e “Beltaine”) permitíndolle desempeñar a súa faceta de compositora e arreglista, a parte de aprender o que é a vida deambulante dun músico e as parafernalias do negocio musical.
Coa súa familia e amigos forma o grupo Louleada cuxo fin último baseábase no traballo de campo de recuperación etnográfica e a sua posterior divulgación en concertos, exposicións e discos (“Trubisqueira”) Experiencia e aprendizaxe coa que se sinte eternamente agradecida. 
Un dia entrou no edificio da Escola de Artes e Oficios de Vigo como gaiteira e percusionista de Xarabal e do Grupo Didáctico e xa non quixo sair nunca. Máis tarde estudaría canto tradicional con javier Feijoo (Chisco) e violín Folk con Alfonso Franco no Conservatorio de Música Tradicional de Vigo, que lle levaría a formar parte da Orquestra Folk de Galicia "SondeSeu", da que segue a ser integrante e coa que gravou "Mar de Vigo" Trastempo" e "Barlovento".
Atopou a media laranxa vocacional coa Musicoterapia, formándose con profesionais como Serafina Poch, Victor del Río, Ricardo Canal, Elisabeth Sanchez, Colwyn Trevarthen, Tony Wigram … en Madrid e Sevilla. Traballando co seu equipo en dous centros da Fundación Menela elaborou unha metodoloxía propia que veu os seus froitos na formación da Orquestra Castro Navas (formada por autistas e psicóticos) coa que participou en varios concertos. Imparte cursos sobre esta disciplina para profesionais do ámbito da docencia e a saúde.Como docente traballou en centros de formación regrada e non regrada dentro e fóra de Galicia (Barcelona, Suíza) Actualmente é profesora de canto tradicional e etnografía na Tradescola (Lugo) xestionada pola Asociación de Gaiteiros Galegos e na ACF O Fiadeiro (Vigo) Forma parte do equipo de mestres da e-Trad impartindo as asignaturas de Ritmos e Xéneros do Canto Tradicional, Polifonía, Tradición e ciclo anual e Danza I.